Cátedras do grupo Comunicación Persuasiva
As cátedras son unha modalidade de colaboración estratéxica, ampla, cualificada e estable entre a universidade e a contorna empresarial, fundacional e institucional que, mediante estratexias conxuntas de docencia, formación e investigación, busca xerar coñecemento aplicado que repercuta de maneira directa no beneficio de todas as partes implicadas. O Grupo de Investigación Comunicación Persuasiva (CP2) lidera dúas cátedras na Universidade de Vigo: a Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo e a Cátedra CIRCOM Regional-UVigo.

Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo
Ano de constitución: 2022
Dirección: Ana Belén Fernández Souto
Web
Presentación
A Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo estableceuse en abril de 2022 mediante un acordo de colaboración entre a Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (Afaga) e a Atendo, entidade privada de innovación social dedicada ao acompañamento e aos coidados das persoas maiores.
Esta pionera iniciativa, dirixida por Ana Belén Fernández Souto, membro do grupo Comunicación Persuasiva, representa un pacto social innovador para transformar a percepción do envellecemento en Galicia, recoñecida como un laboratorio demográfico.
Baixo o lema ‘unha cátedra nacida para desaparecer’, a súa misión principal é crear conciencia sobre o idadismo, o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade.
Obxectivos
A Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo nace co fin de consolidar a loita contra o idadismo, xerando un impacto a longo prazo a través da investigación conxunta, da formación e dunha comunicación diferenciada que promova unha perspectiva máis positiva e xusta do envellecemento. Este obxectivo concrétase nas seguintes accións a desenvolver:
- Realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas destinadas a difundir o coñecemento e investigación da escala, impactos e factores determinantes do fenómeno do idadismo.
- Impulso de intervencións educativas en todos os niveis, dende a etapa infantil ata a universitaria.
- Promoción da investigación no campo do idadismo e difusión dos resultados acadados.
- Fomento das relacións interxeracionais co obxectivo de reducir prexuízos e estereotipos.
- Creación de contornas amigables.
Resultados
O traballo desenvolto desde a Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo materializouse en distintos ámbitos.
- No relativo ao desenvolvemento de políticas públicas, a cátedra colaborou coa Xunta de Galicia na elaboración da Estratexia Galega Contra o Idadismo formando parte do grupo asesor.
- En canto á produción académica e de publicacións divulgativas, elaboráronse varios artigos científicos e a Guía para unha comunicación libre de idadismo cara as persoas maiores. Este documentento, elaborado en colaboración con Help Age España e a Universitat d’Alacant, ten como obxectivo contribuír á eliminación dos estereotipos e da linguaxe negativa asociadas á idade.
- Finalmente, respecto ao propósito de visibilizar o problema do idadismo, un dos principais logros foi a inclusión deste termo nos dicionarios da Real Academia Galega e da Real Academia Española.

Cátedra CIRCOM Regional-UVigo
Ano de constitución: 2023
Dirección: Xosé Rúas Araújo
Web
Presentación
A Cátedra CIRCOM Regional-UVigo estableceuse en outubro de 2023 mediante un acordo de colaboración entre a Universidade de Vigo e a CIRCOM Regional, converténdose no primeiro convenio asinado por esta entidade con unha universidade europea.
Baixo a dirección académica de José Rúas, membro do grupo Comunicación Persuasiva, procura fomentar a investigación e a formación na transformación dixital das televisións públicas rexionais europeas, promovendo a colaboración entre a academia e o sector audiovisual.
En maio de 2026, o convenio de colaboración renovouse por un ano máis co fin de realizar o estudo ‘Women Leadership on CIRCOM Regional’. Centrado en analizar o liderado feminino nos medios pertencentes a esta asociación, o seu principal obxectiv é comprender como a presenza de mulleres en postos de toma de decisións inflúe nas estratexias organizativas, a cultura institucional e os procesos de transformación dixital.
Obxectivos
Durante o período 2023-2025, a investigación da cátedra estivo centrado na análise dos procesos de innovación e dixitalización dos medios rexionais da Rede CIRCOM, unha asociación profesional de medios audiovisuais rexionais de servizo público en Europa.
Así, abordáronse as necesidades actuais do sector e a súa integración en redes sociais e plataformas dixitais, ademais do rol dos medios públicos rexionais europeos na loita contra a desinformación rexional, a preservación lingüística e cultural e a conexión emocional coa audiencia.
No caso de ‘Women Leadership on CIRCOM Regional’, o estudo articúlase arredor de catro eixes: o mapeamento do liderado feminino, a análise cualitativa das traxectorias profesionais de mulleres líderes, o estudo das políticas de igualdade de xénero e o papel das mulleres nos procesos de innovación.
A través destas liñas de investigación, o estudo pretende identificar tanto as barreiras estruturais que dificultan o avance das mulleres como os factores que facilitan o seu apoderamento dentro da organización. O obxectivo último non é unicamente documentar estas dinámicas mediante entrevistas e análise documental, senón tamén desenvolver un marco estratéxico e un conxunto de directrices de boas prácticas destinadas a reforzar a diversidade e fomentar a confianza social nos medios públicos rexionais durante o período 2026–2027.
Resultados
A actividade desenvolta no marco da Cátedra CIRCOM Regional-UVigo entre 2023 e 2025 deu lugar a diversas publicacións académicas en libros e revistas científicas indexadas, así como á presentación de comunicacións en congresos nacionais e internacionais.
Entre os resultados máis destacados atópase o informe Tendencias en innovación y adaptación a la transformación digital en las televisiones públicas regionales europeas, que analiza as estratexias de innovación, a evolución das audiencias, os desafíos financeiros e o impacto da intelixencia artificial nas televisións públicas rexionais europeas. O estudo baséase nunha combinación de enquisas e entrevistas realizadas a profesionais e responsables dos medios integrantes da rede CIRCOM Regional.