Proxectos do Grupo Comunicación Persuasiva
O grupo Comunicación Persuasiva desenvolve proxectos de investigación a través da concorrencia competiva en convocatorias autonómicas e estatais. A continuación, amósanse os principais proxectos liderados por integrantes de Comunicación Persuasiva, ou nos que participaron investigadores do grupo CP2, desenvoltos nos últimos cinco anos.
Proxecto de Grupo de Potencial Crecemento (GPC)
Ana Belén Fernández Souto (IP1)
2024-2026 | Axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia
Máis información
Descrición
A cualificación do grupo Comunicación Persuasiva como Grupo de Potencial Crecemento (GPC) enmárcase na convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. Este prograna representa un mecanismo de financiamento chave para grupos universitarios que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D+i, teñen potencial de se transformaren en referentes consolidados. O grupo Comunicación Persuasiva resultou beneficiario en 2024 desta axuda, cuxa contía se estende até 2026.
Obxectivos
O principal obxectivo da axuda é facilitar a transición dun grupo con potencial a unha unidade de investigación consolidada e de referencia mediante a implementación dun Plan Estratéxico detallado, a optimización de recursos e a potenciación da investigación competitiva e do seu impacto social.
Nese marco, a estratexia do grupo Comunicación Persuasiva diríxese a traballar nunha especialización intelixente no campo da comunicación, en xeral, e nas catro liñas de investigación nas que traballan os seus integrantes, en particular, a través da abordaxe dos seguintes obxectivos, enumerados segundo o ámbito de actuación:
A. Calidade e impacto da produción científica
OA.1. Fortalecer o impacto de calidade da produción científica do grupo mediante o incremento do número de publicacións, do aumento dos seus índices de calidade e do número de citas dos traballos publicados.
OA.2. Consolidar as liñas de investigación actuais, situándose como grupo de referencia a nivel galego nas líneas mesmas, a través da implementación de estratexias de I+D+i.
B. Recursos humanos, talento e formación
OB.1. Incorporar talento investigador e promover a evolución da carreira investigadora, logrando como resultado a consolidación do persoal postdoctoral.
OB.2. Potenciar a formación especializada e a actualización dos perfís investigadores mediante a asistencia a encontros internacionais e estancias de investigación.
C. Proxección internacional
OC.1. Reforzar a estratexia de internacionalización a través da rede de colaboradores, as sociedades científicas e os foros de discusión de referencia, con especial atención á cátedra CIRCOM-UVigo Chair.
OC.2. Potenciar a elaboración de Proxectos de I+D+i de convocatorias competitivas europeas e, particularmente, do Programa Interreg España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.
OC.3. Impulsar as estadías internacionais dos membros do grupo de investigación.
D. Organización e xestión
OD.1. Establecer procesos para a xestión eficiente do grupo de investigación.
OD.2. Promover a participación activa dos membros no grupo de investigación.
E. Difusión e visibilidade
OE.1. Mellorar a comunicación pública da actividade do grupo de investigación.
OE.2. Reforzar a visibilidade, a difusión e o impacto social da investigación do grupo.
F. Innovación e interdisciplinariedade
OF.1. Incrementar a colaboración interdisciplinar e de implicación no territorio.
OF.2. Promover os proxectos de innovación docencia-investigación e aprendizaxe-servizo.
Metodoloxía
Para alcanzar os obxectivos mencionados, establécense 31 accións a desenvolver, distribuídas nos distintos ámbitos de actuación.
Resultados
Unha vez concedida a axuda de Grupo de Potencial Crecemento para o Grupo de Comunicación Persuasiva en setembro de 2024, desenvolvéronse disversas actuacións, entre as que se poden destacar:
A. Calidade e impacto da produción científica
- Liderado e/ou participación en proxectos en convocatorias competitivas estatais.
- Impulso da presenza activa do persoal investigador en comités científicos e organizadores de congresos de referencia, como os promovidos por AIRP, AE-IC e ICOMTA, especializados en distintas áreas da comunicación e amplamente consolidados no ámbito internacional. comunicación, con proxección internacional e totalmente consolidados.
- Difusión dos resultados de investigación mediante a presentación de comunicacións en congresos, seminarios e encontros científicos de carácter nacional e internacional, favorecendo o intercambio de coñecemento e a creación de redes de colaboración.
- Publicación en acceso aberto dos resultados das investigacións realizadas polo grupo en revistas de impacto, con especial atención ás indexadas nas principais bases de datos internacionais de referencia, así como en libros e capítulos de libro editados por editoriais científicas de prestixio recoñecidas no índice SPI.
- Promoción da produción científica a través da coordinación e edición de números monográficos en revistas académicas de prestixio, entre as que destacan o nº16, vol. 2 da Revista Mediterránea de Comunicación (2025) e o nº 30 de AdComunica: revista científica de estrategias, tendencias e innovación en Comunicación.
B. Recursos humanos, talento e formación
- Avances na carreira profesional do persoal investigador, coa acreditación de tres integrantes do grupo á categoría de catedrático de universidade e dunha persoa á de profesor titular.
- Formación continua do persoal investigador mediante a participación en cursos especializados, seminarios e encontros académicos, favorecendo a actualización de coñecementos e a adquisición de novas competencias científicas e metodolóxicas.
- Actividade de dirección e codirección de 15 teses de doutoramento, das cales seis xa foron defendidas con éxito e nove continúan en fase de elaboración.
- Reforzo das redes de colaboración científica e do intercambio de coñecemento mediante a acollida dunha profesora da Universitat Autònoma de Barcelona e dun profesor da Universidad Nacional de Entre Ríos, así como a realización dunha estadía de investigacion dunha integrante de CP2 na Universidad de Valladolid.
C. Proxección internacional
- Presentación da candidatura ‘VACUMART: Vacuna contra o idadismo a través da comunicación e da arte’ para unha convocatoria do Programa de cooperación Interreg España – Portugal (POPTEC), en colaboración coa Universidade de Minho, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense, entre outras entidades.
- Presentación da candidatura ‘CARE: Combating Ageism throug Research and Education’ para o programa BIP ERASMUS+, en colaboración con Universidades de Romanía, Portugal, República Checa, Serbia, Polonia e Finlandia.
- Participación activa nas actividades da Cátedra CIRCOM Regional-UVigo.
E. Difusión e visibilidade
- Creación da páxina web do Grupo Comunicación Persuasiva.
- Promoción de accións de formación, transferencia e divulgación do coñecemento dirixidas tanto á comunidade científica como á sociedade en xeral, de forma complementaria á produción científica e á presenza activa do persoal investigador en foros académicos de referencia.
F. Innovación e interdisciplinariedade
- Continuidade das accións colaborativas con departamentos de xornalismo, comunicación audiovisual e publicidade de universidades como a Universidad Complutense de Madrid, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad de Alicante, Universidad de Málaga, Universidad de Sevilla, Universidad de Extremadura, Universidad Rey Juan Carlos, Universidad Pompeu Fabra ou Universidad del País Vasco.
- Colaboración con empresas e outras entidades non académicas, como AFAGA, Atendo, Help Internacional Age ou o CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), entre outras.
Inclusión e deporte no ámbito local. Análise da situación, planificación e posta en marcha de accións para a erradicación de ‘ismos’ (idadismo, racismo, sexismo)
Montserrat Vázquez Gestal (IP1)
2025 | V Convocatoria do Plan Social ENCE Pontevedra
Máis información
Descrición
O proxecto ‘Inclusión e deporte no ámbito local’ parte dunha dobre premisa. Por unha banda, deféndese que o deporte ten o potencial de ser unha poderosa ferramenta de inclusión social, ofrecendo oportunidades para superar prexuízos e estereotipos e fomentando a igualdade e o respecto mutuo. Por outro lado, constátase que o racismo, o idadismo e o machismo seguen a ser problemas persistentes que impiden a plena participación e goce do deporte por parte de todas persoas.
Neste marco, a investigación busca identificar as entidades e disciplinas deportivas existentes nos concellos de Marín, Pontevedra e Poio para analizar os seus modelos organizativos e as dinámicas inclusivas ou segregadoras por idade, sexo e/ou factores socioeconómicos. A partir deste diagnóstico, o proxecto tamén aspirar a explorar a viabilidade de iniciativas que promovan espazos deportivos interxeneracionais e inclusivos, nos que a práctica deportiva contribúa non só ao rendemento, senón tamén ao benestar social e á mellora da calidade de vida de diferentes colectivos.
Obxectivos
O obxectivo principal do proxecto é promover a inclusión social e a igualdade de oportunidades no ámbito deportivo local, combatendo activamente o racismo, o idadismo e o machismo a través de actividades deportivas, campañas de sensibilización e formación. A partir deste propósito identifícanse os seguintes obxectivos especñificos:
- OE1. Coñecer que entidades, clubs e asociacións deportivas existen nos concellos de Marín, Pontevedra e Poio.
- OE2. Identificar que deportes poden facilitar a inclusión e a integración, categorizándoos segundo tipoloxía.
- OE3. Analizar o contexto para contactar con entidades deportivas que aglutinan eventos deportivos, asociados fundamentalmente á mocidade, e traballar para crear espazos interxeracionais que permitan un desenvolvemento e unha convivencia transversais entre o deporte e as persoas.
- OE4. Estudar a viabilidade de propostas piloto nas que participen varias disciplinas deportivas que permitan a integración por idades e xénero.
- OE5. Estudar a viabilidade de proxectos entre disciplinas deportivas diferentes ou iguais, pero pertencentes a distintos concellos, comarcas, parroquias…
- OE6. Mostrar os resultados das actividades desenvoltas a través de pósters e doutro tipo de materiais en eventos de grande participación dos municipios mencionados.
- OE7. Obter datos cuantitativos e cualitativos que permitan, desde o punto de vista académico, a elaboración de artigos sobre estas temáticas e, a longo prazo, a súa publicación.
- OE8. Desenvolver un número monográfico nunha revista académica, nos prazos e tempos establecidos pola publicación seleccionada.
Metodoloxía
A metodoloxía empregada para a recompilación de datos baseouse en dúas técnicas diferentes. Por unha banda, recorreuse ao enfoque de Desk Research, consistente na compilación, cribado e análise de fontes secundarias de acceso público. Por outro lado, complementouse este método cun proceso de validación dos datos mediante a consulta de fontes primarias, establecéndose contacto directo cos clubs para solicitarlles que responderan a unha enquisa guiada por un cuestionario.
Resultados
O traballo desenvolto permite constatar que a estrutura organizativa de moitas entidades deportivas locais —caracterizada polo voluntariado, a ausencia de persoal profesionalizado e uns recursos limitados— esixe estratexias de contacto máis flexibles e prolongadas no tempo, e que a inclusión deportiva, aínda que é defendida de maneira xeneralizada, non sempre se traduce en políticas ou prácticas sistemáticas, o que obriga a unha análise máis profunda e á xeración de propostas adaptadas á realidade de cada entidade.
Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su ecosistema digital (FAKELOCAL)
Xosé Rúas Aráujo (IP1)
2022-2025 | Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia e Innovación
Máis información
Descrición
O proxecto FAKELocal (PID2021-124293OB-I00) estuda como as noticias falsas afectan ás comunidades autónomas e entidades locais en España. Desde un enfoque académico e comparado, analiza actores, canles e consecuencias, e propón respostas institucionais para mellorar a comunicación pública e combater a desinformación.
Parte de dúas hipóteses básicas:
- H1. O fenómeno global da desinformación e o actual ecosistema mediático, coa proliferación das redes sociais, está a afectar ás institucións, provocando crises que afectan á xestión das administracións autonómicas, provinciais e corporacións municipais, debido ao efecto de informacións falsas, derivadas en ocasións do ámbito internacional e estatal, pero xeradas tamén no contexto local, que poden alterar o exercicio político e democrático, a economía, a sociedade e, en definitiva, o espazo de proximidade en que se circunscriben.
- H2. A proliferación de fake-news fai necesario estender as competencias e funcións tradicionais dos gabinetes de comunicación das administracións locais ao combate da desinformación e a labores de fact-checking mediante a asignación de novas funcións, perfís profesionais e formacións específicas, adaptadas ao contexto dixital.
Obxectivos
A partir desas premisas, o proxecto FAKELocal estrutúrase arredor de catro obxectivos xerais (divididos, a súa vez, en catorce obxectivos específicos):
- O1. Identificar, diagnosticar e clasificar as principais crises en liña relacionadas coa desinformación que afectan ás corporacións locais e ás comunidades autónomas mediante a elaboración dun mapa de actores e medios implicados.
- O2. Propoñer, promover e apoiar a creación dunha unidade de verificación de noticias e informacións no seo dos gabinetes de comunicación das institucións autonómicas e locais.
- O3. Propoñer estratexias de transparencia e accións de comunicación orientadas a reducir o impacto da desinformación na xestión municipal, provincial, insular e autonómica.
- O4. Identificar, medir e clasificar os principais temas e cuestións asociados á desinformación relacionada coa xestión das corporacións locais e das comunidades autónomas.
Metodoloxía
O proxecto formula un enfoque metodolóxico mixto, tanto cuantitativo como cualitativo, a través dun conxunto de procesos sistemáticos, críticos e empíricos que se aplican ao estudo da desinformación nas entidades locais. A recollida e a análise de datos realízase mediante as técnicas metodolóxicas do método Delphi, a análise de contido, o cuestionario e os grupos de discusión.
Para levar a cabo este labor, FAKELocal conta cun equipo de traballo integrado por unha vintena de investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Sevilla e Málaga, así como expertos da Central European University de Viena, a Universitá degli Studi de Milán e da Universidade do Porto.
Resultados
Os resultados máis destacados do proxecto FAKELocal son:
-
Produción científica e académica. Xeráronse múltiples publicacións científicas en forma de artigos de investigación, capítulos de libro e comunicacións en congresos internacionais, centradas na análise da desinformación, os sistemas de verificación da información e o papel dos medios e das institucións no ecosistema informativo actual. Estes traballos contribúen á consolidación dun marco teórico e empírico sobre a desinformación en contextos locais e rexionais.
-
Organización e participación en eventos científicos. O equipo de FAKELocal participou e organizou numerosos congresos e xornadas, así como encontros especializados sobre desinformación e comunicación pública, que favoreceron a difusión dos resultados e o intercambio de coñecemento con redes académicas nacionais e internacionais.
- Actividades de divulgación e transferencia social. Ademais da produción académica, FAKELocal desenvolveu actividades de divulgación científica e transferencia, incluíndo xornadas abertas, participación en debates públicos e colaboracións con iniciativas de alfabetización mediática e educación en comunicación.
Ciencia de Ida e Volta
Mónica Valderrama Santomé (IP1)
2021-2026 | Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación do FECYT
Máis información
Descrición
Ciencia de Ida e Volta é o plan anual de actividades que, desde 2021, desenvolve a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo para incrementar a cultura científica na súa zona de influencia, aproximar a ciencia e a tecnoloxía á poboación e conseguir que a ciencia sexa un elemento co que a cidadanía conviva a diario, converténdoa así en socia e cómplice do labor investigador.
Obxectivos
O obxectivo xeral de Ciencia de Ida e Volta é a promoción e difusión da cultura científica, tecnolóxica e da
innovación entre comunidade universitaria, estudantado do resto de niveis educativos e da cidadanía en xeral. No caso do plan para o período 2025-2026, os obxectivos específicos definidos para alcanzar este fin son:
- OE1. Intensificar a comunicación social do coñecemento científico e tecnolóxico a través da execución dun programa de actividades que conectará a ciencia coa cidadanía, implicando a todos os axentes e abordando temas relevantes, actuais e de impacto social, desde o cotián e o próximo.
- OE2. Estimular a vocación vocación científico-técnica, especialmente entre as nenas e as mozas, mediante propostas que fomentan o pensamento crítico para combater a fenda de xénero no ámbito científico.
- OE3. Preparar e capacitar o persoal investigador da universidade en materia de divulgación e comunicación social da ciencia para que incorporen a divulgación científica na súa rutina profesional.
- OE4. Favorecer a visibilidade, difusión e notoriedade do traballo realizado polo persoal investigador da universidade mediante actividades experienciais e contidos atractivos e innovadores que capten a atención do público xeral e poidan difundirse de forma sinxela nas plataformas sociais, ampliando o seu impacto.
- OE5. Converterse nun referente na organización de actividades de divulgación científica mediante o deseño de eventos experienciais e interactivos que permitan ás persoas asistentes dar resposta ás súas inquedanzas e adquirir coñecementos de forma lúdica, construíndo espazos de aprendizaxe.
- OE6. Impulsar espazos de cocreación local mediante a promoción da colaboración e a interacción entre a universidade, a empresa, a sociedade, as institucións privadas e outros axentes, para favorecer o fluxo de coñecemento e desenvolver proxectos conxuntos.
Metodoloxía
Na quinta edición do proxecto Ciencia de Ida e Volta aplícase unha estratexia de divulgación unificada e cunha identidade propia, orientada a facilitar a comunicación e a difusión do labor da comunidade investigadora entre a cidadanía e os públicos non especializados. Para iso, desenvólvense accións de divulgación variadas e participativas, entre as que se inclúen publicacións, concursos, xogos didácticos, obradoiros, charlas, feiras e exposicións, entre outras iniciativas.
Neste contexto, a UCC+i desempeña un papel chave como nexo entre a universidade e a sociedade, actuando como unha ponte de comunicación accesible que facilita a transferencia de coñecemento, promove o diálogo entre os distintos axentes implicados e fomenta unha maior interacción entre a comunidade investigadora e a cidadanía.
Resultados
Os resultados que se esperan co proxecto Ciencia de Ida e Volta no periodo 2025-2026 inclúen:
- Incrementar o compromiso do persoal investigador coa divulgación científica, converténdoa nunha práctica habitual no seu traballo diario e contando coa UCC+i da UVigo como apoio e canle de difusión dos seus labores e actividades.
- Capacitar o persoal investigador en materia de comunicación e divulgación, así como ofrecerlles novos retos para poñer en práctica o aprendido.
- Ampliar a oferta de actividades e iniciativas de divulgación promovidas desde a UVigo, ao tempo que se consolida un programa estable de accións desta índole.
- Mellorar a percepción social da ciencia e a cultura científica dos distintos públicos, co obxectivo de conseguir unha sociedade máis crítica e informada, que aposte polo rigor e sexa quen de participar nas decisións e identificar as pseudociencias e os bulos.
- Promover e reforzar o interese pola ciencia entre colectivos sociais habitualmente afastados das accións de divulgación científica, fomentando unha ciencia para todas as persoas.
- Establecer e abrir novas canles de comunicación, colaboración e participación cidadá.
- Incrementar o material didáctico ao servizo dos centros educativos e da poboación en xeral (vídeos, publicacións, unidades didácticas, etc.), así como dotar de máis contidos de divulgación científica as plataformas da UCC+i.
EVAPROP. Red de evaluación de procesos de gestión pública en pandemia y participación ciudadana
Margoth Mena-Young (IP1)
2021-2025 | Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (CYTED)
Máis información
Descrición
EVAPROP é un proxecto coordinado pola Dra. Margoth Mena-Young e conformado por 47 integrantes de 8 países de Iberoamérica (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, España, México e Panamá), entre os que se atopan Iván Puente Rivera e Ana Belén Fernández Souto, do Grupo de Investigación Comunicación Persuasiva.
Obxectivos
O obxectivo xeral do proxecto EVAPROP é avaliar as accións que implementaron os Sistemas Nacionais de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación iberoamericanos no campo da saúde pública como resposta á pandemia por COVID-19 durante 2020 e 2021. A partir deste propósito, os seus obxectivos específicos son:
- Sistematizar instrumentos de xestión pública e organizacional para atender a emerxencia sanitaria e as súas alianzas/sinerxías, entre eles e con outros sectores.
- Analizar os procesos de comunicación pública, intersectorial e interorganizacional deseñados para apoiar a implementación destes instrumentos de xestión da emerxencia sanitaria.
- Caracterizar os espazos de participación cidadá impulsados polas organizacións por líderes científicos ou outros axentes ciudadáns asociados aos instrumentos e accións en emerxencia sanitaria.
- Identificar mellores prácticas en procesos de comunicación (interacción, integración e resposta) na pandemia, que implementaron os diferentes actores en estudo.
- Recomendar un modelo de xestión da información pública que integre a inclusión e acción colectiva da cidadanía e favoreza a loita contra a desinformación en coxunturas de crises sanitarias.
- Fortalecer a apropiación e a reflexión colectiva, organizacional e pública, dos resultados de investigación para a mellora de capacidades dos sistemas nacionais de innovación en saúde pública.
Metodoloxía
A Rede traballa desde unha perspectiva multidisciplinar que combina a comunicación, a participación cidadá e a escoita social co fin de contribuír con insumos que melloren a comunicación na xestión pública de futuras crises sanitarias e que impulsen a democratización do coñecemento como chave na busca do benestar colectivo.
Resultados
A Rede acadou un alto nivel de produtividade académica e de divulgación da ciencia, editando tres libros, publicando máis de 30 artigos, producindo 8 vídeos e organizando até 31 eventos.
La participación ciudadana en Andalucía a través de canales digitales: estudio de la adaptación a la ley de participación ciudadana y propuestas de mejora
Ana Almansa Martínez (IP1)
2021-2025 | Junta de Andalucía
Máis información
Descrición
Metodoloxía
Obxectivos
Resultados
Lucha contra la desinformación y criterios de valor en los debates electorales en televisión y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain (DEBATrue)
Xosé Rúas Araújo (IP1) e Ana Belén Fernández Souto (IP2)
2021-2023 | Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia e Innovación
Máis información
Descrición
As novas condicións tecnolóxicas e as esixencias de consumo de contidos audiovisuais supoñen un reto no fomento da transparencia e da calidade dos debates electorais e políticos, así como na participación das audiencias. A comprobación e verificación de feitos (fact-checking) sobre as afirmacións realizadas polos candidatos, durante e despois da celebración dos debates, converteuse nunha demanda para os distintos públicos.
Neste contexto, DEBATrue (PDC2021-121720-I00) é un proxecto de proba de concepto orientado ao desenvolvemento dunha plataforma aberta e descentralizada para a verificación da información e a loita contra a desinformación. A través do uso das TIC e da comunicación procura reforzar o control e a rendición de contas de acordo cos principios de transparencia e apertura, participación e colaboración.
A plataforma concibiuse inicialmente para a análise e verificación de afirmacións realizadas en debates políticos e electorais, pero foi deseñada con potencial para contribuír a mellorar a reputación de entidades, empresas e clientes, así como no ámbito da universidade e dos centros educativos de ensino secundario e bacharelato
Obxectivos
O principal obxectivo de DEBATrue é deseñar unha aplicación dixital que semiautomatice o proceso de verificación de información, substituíndo os actuais métodos manuais e en diferido, co propósito de detectar, antes de que se viralicen, posibles contidos falsos ou inexactos. Así, a iniciativa busca contribuír á loita contra a desinformación a través da identificación de datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento dun proceso electoral.
Outros obxectivos do proxecto son:
- Facilitar unha caixa de ferramentas en aberto para que as persoas usuarias poidan contrastar a veracidade de fontes de información mediante mecanismos de busca, verificación e o uso de asistentes automatizados e bots.
- Promover a alfabetización dixital e democrática no eido educativo, fomentando a participación responsable entre escolares e novos cidadáns dixitais.
Metodoloxía
O proxecto desenvólvese por un equipo multidisciplinar conformado por investigadores e investigadoras con especialización no desenvolvemento de aplicacións informáticas, minería de datos en redes sociais, modelos de confianza e reputación, pertencentes ás tres universidades galegas (Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade da Coruña) e tres andaluzas (Universidad de Málaga, Universidad de Sevilla e Universidad de Granada), así como por un experto en ciberseguridade.
Desde o punto de vista do desenvolvemento tecnolóxico ad hoc, o elemento central do proxecto consiste no deseño, realización e implementación dunha plataforma de blockchain que facilite a verificación de todo tipo de contidos informativos e de opinión (escritos, audio, vídeo etc.), permitindo tanto a verificación automática dos mesmos como a realización ‘manual’ no caso de que a primeira non sexa posible; así como o seguimento e monitorización de todo o fluxo de transaccións do proceso.
Resultados
Os restultados de DEBATrue pódense agrupar en dúas grandes categorías:
-
Plataforma de verificación. Creouse unha plataforma semiautomática de verificación de información, dispoñible en debatrue.com, baseada nun sistema de gobernanza descentralizada.
-
Recursos educativos. Destaca a elaboración do Manual contra la Desinformación (2024), unha publicación dirixida a alumnado e profesorado de ensino secundario e bacharelato que ofrece recursos didácticos para entender mellor o fenómeno da desinformación e as noticias falsas.
-
Publicacións académicas. Produción científica materializada en diversos artigos de investigación e capítulos de libro centrados na análise do impacto da desinformación e na aplicación da intelixencia artificial aos procesos e plataformas de verificación da información.
-
Transferencia de coñecemento. O proxecto favoreceu o establecemento de sinerxías e colaboracións con unidades de verificación de medios de comunicación de referencia, como RTVE e a Axencia EFE, ao tempo que sentou as bases para a valorización e potencial transferencia da tecnoloxía desenvolta, incluíndo a súa posible explotación comercial mediante a creación dunha empresa de base tecnolóxica (spin-off).
Organización y creatividad en eventos deportivos durante el COVID (I e II)
Ana Belén Fernández Souto (IP1)
2021-2022 | Redes de Investigación en Ciencias do Deporte do Consello Superior de Deportes (CSD)
Máis información
Descrición
O proxecto ‘Organización y creatividad en eventos deportivos durante el Covid’ (OCEDcovid e OCEDcovid2) propón unha análise, diagnóstico e elaboración dunha proposta de modelo de comunicación para a organización de eventos públicos na era post-COVID, centrado nos ámbitos cultural e deportivo.
O punto de partida sitúase nos profundos cambios que a pandemia provocou nas organizacións, obrigando á adaptación de sistemas de produción e á implantación masiva do teletraballo, nun contexto cada vez máis dixital. No contexto da progresiva recuperación da participación activa dos públicos, o proxecto parte da premisa de que os eventos culturais e deportivos preséntanse como espazos chave de socialización e comunicación, con capacidade para fortalecer as relacións entre persoas e organizacións.
Obxectivos
Os obxectivos xerais do proxecto OCEDCovid son:
- Realizar unha análise do panorama español na organización de eventos culturais e deportivos.
- Coñecer o tipo de adaptación polo que apostaron as distintas institucións e empresas en canto á organización destes eventos desde o xurdimento da pandemia.
- Realizar unha investigación aplicada.
- Deseñar un plan de continxencia fronte aos rebrotes, implantar novas medidas de prevención, desenvolvendo unha política que permita organizar grandes eventos culturais e deportivos de forma que as empresas e institucións sigan planificándoos e que os seus distintos públicos poidan consumilos, ben fisicamente, ben virtualmente ou de forma híbrida.
Metodoloxía
O proxecto empregou técnicas e métodos de investigación mixta de carácter aplicado, orientadas a observar e analizar a xestión actual e a previsión da organización de eventos por parte de institucións públicas e privadas no contexto post-pandémico. Nese senso, estableceuse contacto diversas empresas e institucións do sector, como a Asociación de Ferias Españolas, a Asociación Española de Protocolo, a Asociación de Protocolo de Galicia, o Observatorio Profesional de Protocolo y Eventos ou a Asociación de Investigadores de RRPP.
O traballo realizouse a través dun equipo interdisciplinar liderado pola profesora Ana Belén Fernández Souto, investigadora do Grupo Comunicación Persuasiva, e con participación tanto doutros integrantes de CP2 como de investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña, Universitat Autònoma de Barcelona e Universitat Oberta de Catalunya.
Resultados
O proxecto deu lugar a un conxunto de publicacións científicas que contribuíron a ampliar o coñecemento sobre a organización e a comunicación dos eventos deportivos en contextos de elevada incerteza. Os resultados obtidos permitiron identificar boas prácticas, estratexias de adaptación e dinámicas de innovación desenvolvidas polas entidades deportivas durante a pandemia, así como analizar o impacto da transformación dixital e dos novos modelos de relación cos públicos. Estas investigacións constitúen unha achega relevante para a comprensión dos cambios experimentados polo sector e para o deseño de estratexias de organización e comunicación de eventos deportivos en escenarios futuros onde as interaccioneíns cara a cara non sexan posibles.
Proxectos anteriores
- Debates Electorales televisados en España: Modelos, Proceso, Diagnóstico y Propuestas (CSO2017-83159-R), 2018
- Red de Investigación Turincentiving Galicia (R2014/020), 2015
- A promoción do turismo de minorías en Galicia a través de actividades de relacións públicas. Análise da efectividade dos plans e campañas de comunicación dos emisores públicos como atractivo de potencial turístico, 2009.